Jazmín Abuín

Monologuista

¿Por que un monólogo e por que agora?

Son tempos raros para a cultura e mais raros aínda para o humor. Pero precisamente por iso, necesitamos rirnos máis que nunca. Da vida, da situación que estamos a vivir, e sobre todo e por enriba de todo, de nós mesmos. O humor é terapéutico e poucas cousas son máis sanadoras que a capacidade de rirnos de nós mesmos e de parodiar nosas teimas, os nosos costumes e os nosos medos.

 

Son actriz, cantante e xornalista. As tres cousas apaixónanme desde nena porque vexo nelas unha arma poderosa para comunicar pensamentos, ideas, sentimentos e preocupacións. En clave de drama, de comedia, de reportaxe, de composición musical... O que cambia é o formato, pero a esencia é a mesma. Facer pensar, sentir, reflexionar, rir, ou todo iso ao mesmo tempo. Pero o humor ten un ' superpoder' especial. Libera. Fai que, durante un intre, viaxemos a un lugar sen xuízos nin prexuízos, sen preocupacións. Durante un intre, non existe máis nada que a risa. Por iso, este é o mellor momento para apostar polo humor. Pola ironía. Pola retranca. Por contar 'verdades' disfrazadas de 'mentiras'. Porque ás veces a mellor forma de mirarnos ao espello é desde a parodia.

 

¿Que quero contar?

Pois por unha banda non sei, e por outra, que queredes que vos diga. Son galeguiña ata a medula, de onde as vacas, de nai canadense, de onde os osos simpáticos e con nome de princesa Disney. Ser riquiña está no meu ADN por convenio. A retranca, no meu DNI, por supervivencia. Ou quizais sexa ao revés. Non o sei. Eu o que non quero baixo ningún concepto é molestar. Bueno, ou si. Depende. Porque todos levamos un hater dentro. E eu, á miña, como son riquiña, se aparece, o único que podo facer é... Abrazala. Non?

CARTEL300X400JAZ.png